Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións.

            A variedade estándar é unha das linguas funcionais que se dá nunha lingua histórica; concretamente aquela que se escolle como modelo de lingua común e é identificada e aceptada polos falantes. Esta é a lingua que se estuda na escola, a que se utiliza nos medios de comunicación, a da Administración,… A elaboración e selección desta variedade estándar de lingua coñécese co nome de normativización lingüística. Parar conseguir isto é necesario realizar unha serie de tarefas que son a estandarización, fixar unha variedade sincrónica de lingua uniforme, a grafización que consiste en definir e concretar especificamente a forma escrita correspondente á variedade oral da lingua estándar e por último, a modernización, proceso que capacita a lingua para ser usada en todas as formas de discurso posible.

            Todo este proceso de normativización produciuse ao longo do século XX en el distínguense tres fases baseadas nas diferentes actitudes dos escritores: dialectalismo, cada escritor utiliza na súa escrita a variedade que está afeito a escoitar na súa zona; interdialectalismo, o escritor a medida que vai coñecendo outras variedades, selecciona aqueles aspectos que máis lle gustan e supradialectalismo, o modelo de lingua estándar non debe basearse en ningún dialecto concreto senón que debe estar por riba deles. É a fase definitiva á que se chegará no século XX.

            Para chegar ao galego estándar foi necesario aprobar unhas Normas ortográfica e morfolóxicas do idioma galego no ano 1982, estas foron revisadas en 1995 e reformadas en xullo de 2003. Nelas determínase o estándar do galego contemporáneo e establécese a normativa lingüística oficialmente vixente.

            A pesar desta lingua estándar, tamén debemos falar das interferencias lingüísticas que existen, que son cambios que se producen nunha lingua (lingua autóctona) debido á influencia exercida sobre ela por outra (lingua allea). No caso de Galicia, a lingua produtora do maior número de interferencia é o castelán, mentres que o galego é a receptora. As interferencias do castelán afectan a todos os planos da lingua. En canto ás interferencias fónicas temos como exemplo cambios dos grupos semicultos ou a redución do sistema vocálico de sete a catro vogais. En canto ás morfolóxicas, cambio de xénero en substantivos ou uso dos demostrativos *estos, *esos. Entre as sintácticas temos a ausencia de artigo diante de posesivos e a emprego da preposición a na perífrase ir + infinitivo. Finalmente, temos as léxicas que afectan a semántica e como exemplo temos a substitución da forma galega pola castelá como *arcén, *tenedor,…

            Como conclusión, a convivencia entre dúas linguas dá lugar a fenómenos de interferencia de diversos tipos. Os desvíos léxicos, entendidos como voces que non se axustan á normativa do noso idioma, deben ser un aspecto a coidar na produción de calquera tipo de texto.