A variedade estándar é aquela que serve de medio de comunicación común a individuos dunha mesma comunidade lingüística. Presenta un carácter conservador, é empregada nos usos formais, no ensino e nos medios de comunicación e presenta un conxunto de regras de correción recollidas por gramáticas e dicionarios.

O proceso a través do cal se "elabora" a variedade estándar da lingua denomínase normativización. Disto ocúpanse os lingüístas e filólogos cando crean unha gramática, establecen as normas ortográficas e morfolóxicas ou o léxico correcto que debemos empregar.

Algunhas linguas como o español, o francés ou o portugués levaron a cabo este proceso ao longo de varios séculos, pero o galego, debido á situación de subordinación que viviu nos Séculos Escuros, quedou á marxe del, conservado só como lingua oral e popular. Os estudosos distinguen catro etapas no proceso de normativización do galego:

-Galego popularizante: empregado no século XIX polos autores do Rexurdimento, está caracterizado por reproducir a lingua oral. O referente orotográfico vai ser a ortografía castelá e o léxico está cheo de dialectalismos, vulgarismos e castelanismos. Desde o primeiro momento os autores son conscientes da necesidade dunha normativa, pero non se levou a cabo. O feito de non coñeceren a tradición literaria medieval, nin teren un modelo prestixioso que lles servise como referencia, cada escritor utilizaba criterios particulares. Tomaron como referencia a lingua oral popular da súa zona natal e adaptárona á escrita mediante a ortografía castelá.

-Galego enxebrista: ten a súa orixe na teima dos escritores do 1º terzo do século XX por afastar o máis posible o galego do castelán para remarcar así a súa identidade propia. Este obxectivo lévaos a incluír cultismos, hipergaleguismos, arcaísmos e lusismos. Nesta etapa é cando xorde un certo intento de estandarización do galego coa proposta das "Normas pra a unificación do idioma galego" que publicou en 1933 o Seminario de Estudos Galegos.

-Galego protoestándar: sobre a base construída na preguerra, inténtase agora na posguerra, buscar unha maior simplicidade ortográfica e gramatical, adoptar solucións que superen os dialectalismos e corrixir paulatinamente os excesos diferencialistas da etapa anterior.

-Galego estándar: a RAG e o ILGA elaboraron o estándar actual, recollido nas "Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego", declaradas oficiais en 1982 pola Xunta de Galicia, despois de acadar o galego o status de lingua cooficial de Galicia no Estatuto de Autonomía de 1981.

A elaboración das normas oficiais contou con fortes debates e discrepancias desde os seus inicios e solucionáronse en 2003, na última revisión realizada, coa introdución de cambios que significaron un achegamento das diverxencias existentes entre os oficialistas e os reintegracionistas ou lusistas.

A norma estándar debe excluír as interferencias e as desviacións da norma. As interferencias son os préstamos innecesarios, aqueles para os que si existe unha palabra propia na lingua receptora, e que son debidos á presión sociocultural da lingua dominante (castelanismos, anglicismos, lusismos).

As desviacións da norma máis importantes que afectan á construción da variedade estándar son os hipergaleguismos (falsa "galeguización" de formas que coincidían en ambos idiomas), os vulgarismos (resultado dalgún tipo de vacilación vocálica ou consonántica) e os arcaísmos.