A evolución económica na ditadura.O 14 de abril de 1931 instaurouse en España a 2ª República e con ela a volta á democracia. Tratábase dunha república parlamentaria dirixida polo presidente da República na que existía una separación de poderes, sufraxio universal e soberanía popular, principios recollidos na Constitución de 1931. Pero durante o último período de goberno das esquerdas, en 1936, comenzan as conspiracións para un golpe de Estado. Así o 18 de xullo de 1936 iniciábase a Guerra Civil española (1936-1939) que remataba en abril de 1939 co triunfo do bando sublevado contra a 2ª República e comenzaba a ditadura do xeneral Francisco Franco Bahamonde que duraría ata a súa morte en novembro de 1975. A ditadura franquista pódese caracterizar como a ditadura persoal dun militar que tivo a súa fundamentación ideolóxica no pensamento conservador e católico español ó que incorporou elementos procedentes do fascismo italiano.Foi durante a Guerra Civil cando se perfilaron os trazos do novo réxime, en gran medida obra persoal de Francisco Franco Bahamonde, xefe supremo desde outubro de 1936.Todos os grupos políticos que apoiaban o réxime franquista foron agrupados nunha única formación autorizada: o Movemento Nacional, e os sindicatos de clase foron suprimidos creándose una organización única para obreiros e patróns, o Sindicato Vertical.Os principios ideolóxicos defendidos polo réxime foron a concentración do poder en Franco, a defensa da unidade da patria, o nacionalismo español, o catolicismo do Estado, a democracia orgánica e o sindicalismo vertical, o rexeitamento do liberalismo e da democracia, así como o profundo anticomunismo.O desenvolvemento económico da Ditadura tivo lugar entre 1959 e 19733 despois dunha dura etapa de posguerra dende 1939 ata 1959.A política económica dende 1939 ata 1959 está inspirada nos fascismos europeos, e caracterizouse pola autarquía e a intervención estatal. O seu obxectivo era logra-la autosuficiencia económica para non depender do exterior, impulsando a produción interior e dificultando as importacións mediante o establecemento de elevados aranceis.No sector agrícola o Servizo de Reforma Social da Terra continuou a contrarreforma agraria iniciada na Guerra Civil coa devolución das terras expropiadas ós grandes propietarios. Para incrementa-la produción e estende-lo regadío creouse o Instituto Nacional de Colonización. O seu obxectivo era a conversión de terras de secaño en regadío mediante a construción de pantanos e canles feitos co traballo de presos políticos que conseguían así reduci-la condena, e tamén o asentamento de colonos en terras expropiadas ós propietarios, previa indemnización. Esta política de reconversión acabou beneficiando ós grandes terratenentes, quen a cambio de perder unha pequena parte das súas terras, lograban unha importante revalorización da maior parte das súas fincas grazas ás infraestruturas de regadío construídas polo Estado, a parte da indemnización. Para evita-la excesiva parcelación das propiedades aprobouse en 1952 a Lei de Concentración Parcelaria.Para logra-la autosuficiencia na produción agrícola, especialmente do trigo, o Estado creou o Servizo Nacional do Trigo que obrigaba ós campesiños a vender toda a súa colleita ó Estado, a un prezo previamente fixado, que logo este vendía ós consumidores. Isto levou ós agricultores a ocultar parte da colleita que logo vendían no mercado negro, e a cultiva-los produtos non intervidos máis rentables.O resultado das medidas aplicadas no campo non lograron incrementa-la produción que se mantivo por debaixo dos niveis anteriores á guerra, situación dramática no caso do trigo, afectado ademais polas malas colleitas e a sequía, que provocarían unha gravísima fame no período 1940-45, aliviada na segunda metade da década dos cuarenta cando Franco autorizou a importación de produtos alimentarios (trigo procedente de Arxentina).O desabastecemento de produtos básicos obrigou a implanta-las cartillas de racionamento. Establecéronse dúas cartillas de racionamento, unha para a carne e outra para o resto dos produtos alimenticios. Inicialmente eran familiares e en 1943 foron substituídas por cartillas de racionamento individuais.No sector industrial, a guerra e posguerra supuxeron un parón no proceso industrializador español, non tanto pola destrución causada polo propio conflito como pola política intervencionista da Ditadura. Para promove-lo desenvolvemento industrial aprobáronse a Lei de Protección e Fomento da Industria Nacional e a Lei de Ordenación e Defensa da Industria Nacional en 1939, que centraban a súa atención na industria de base e armamentística, e en 1941 creouse o Instituto Nacional de Industria, INI, cuxo primeiro presidente foi Juan Antonio Suances, un dos ideólogos do autarquismo español. Tratábase dun organismo estatal que aglutinaba ás empresas que ó Estado lle interesaba desenvolver. Asteleiros Bazán, Endesa, Ensidesa, Seat, por exemplo, formaron parte do INI.Pero non se logrou o crecemento industrial debido a falta de abastecemento de materias primas e equipamento e do intervencionismo estatal que freou a inversión privada e as relacións comerciais co exterior. O Estado convertíase no principal inversor e fomentouse a tendencia ó monopolio que beneficiaba ós grandes bancos e á burocracia estatal.No sector dos transportes destacou a nacionalización da Rede de Ferrocarrís de Vía Ancha e a creación de RENFE.As transaccións comerciais estaban fortemente intervidas polo Estado. O comercio exterior caracterizouse pola realización de acordos bilaterais e a adopción de altos aranceis para desalenta-la importación de produtos de fóra. O comercio interior estaba regulado pola Comisaría de Abastecementos e Transportes, a Fiscalía de Taxas e a Xunta Superior de Prezos.Na política fiscal fíxose unha reforma baseada nas contribucións directas e nos impostos sobre beneficios extraordinarios e de Usos e Consumos, que permitiron incrementa-la recadación, aínda que non se establecía a declaración obrigatoria das rendas do traballo e do patrimonio, ademais de ser importante o nivel de fraude fiscal.Cara 1950 o fracaso da política económica autárquica era evidente e unha mostra do malestar foron as folgas. Isto vai a provocar un cambio na política económica do réxime. O goberno formado en 1957 integráronno maioritariamente persoas do Opus Dei (Navarro Rubio como ministro de Facenda, Alberto Ullastres como ministro de Comercio) cun alto nivel de formación técnica, de aí que este período sexa coñecido como “autoritario-tecnocrático”.As bases para o cambio en materia económica establecéronse coa aprobación en 1959 do Plan de Estabilización co que se pretendía unha liberalización económica máis acorde coa economía capitalista occidental. O plan prevía suprimi-las trabas burocráticas, a redución de salarios e dos cartos en circulación para controla-la inflación; o recorte do gasto público e a apertura da economía española ás inversións estranxeiras e ó comercio internacional.Entre outras medidas incluía unha severa limitación do gasto orzamentario e a subida dos prezos dos servizos públicos (o obxectivo era controla-lo déficit público); a subida dos tipos de xuro e a restrición de créditos bancarios ó sector privado para controla-la inflación; a liberalización dos prezos protexidos que dende entón fixaríanse no mercado segundo a lei da oferta e demanda; a supresión de organismos burocráticos para a redución do gasto público e a axilización do funcionamento das actividades económicas; para estimula-lo comercio exterior elimináronse os continxentes para á importación, reducíronse aranceis e davaluouse a peseta (isto favorecería as exportacións); permitiuse tamén a entrada de capitais estranxeiros.Inicialmente a aplicación destas medidas provocou entre 1959 e 1960 un forte parón económico: caída de prezos, de salarios (dará lugar ós movementos migratorios da década dos 60 cara as cidades e os países europeos) e de consumo, pero logrouse frea-lo déficit público e a inflación e acumular capitais que darían lugar ó crecemento económico posterior.Entre 1960 e 1973 España vivíu un período de espectacular crecemento económico (con taxas do 8% entre 1961-1967 e do 6% ata 1973) grazas ás reformas e medidas establecidas nos Planos de Desenvolvemento, elaborados por un grupo de tecnócratas dirixidos por Laureano López Rodó, que centraron a súa atención no desenvolvemento da industria, sector que se consideraba clave para o desenvolvemento económico.O sector industrial experimentou un enorme crecemento e diversificación superando á agricultura tanto no aporte ó PIB como na poboación activa empregada. Aumentou a produción das industrias de base, sobre todo a siderurxia. Medraron tamén as industrias produtoras de bens de consumo sobre todo a do automóbil (o Seat 600 e o “catro latas” da RENAULT, modelos económicos e populares, serán os símbolos da nova sociedade de consumo). Instaláronse refinerías para a transformación e refinado de petróleo, mantívose a industria do carbón, pese a escasa rendibilidade, e potenciouse a produción hidroeléctrica a partir da construción de encoros.Para corrixi-los desequilibrios rexionais creáronse os Polos de Desenvolvemento e Promoción Industrial e as Grandes Áreas que potenciaban novas industrias mediante unha serie de medidas favorables (exencións fiscais, terreo industrial barato, subvencións para instalalas…). Deste xeito, localidades que practicamente non tiñan ningún tipo de instalación fabril contaron con instalacións industriais, foi o caso de A Coruña ou Vigo.O proceso de expansión industrial baseábase nos baixos salarios e na acumulación de capitais da etapa dos cincuenta, á que se lle sumou a entrada de capital estranxeiro. Como ademais a tecnoloxía tamén procedía de fóra, a economía española pasou a depender do exterior e a balanza comercial e de pagos era deficitaria (o valor das importacións, maioritariamente de bens de equipo e fontes de enerxía, superaba o valor das exportacións). O déficit da balanza de pagos cubriuse cos ingresos procedentes do turismo, as aportacións dos emigrantes europeos e a entrada de capital estranxeiro (todo iso significaba a entrada de divisas no país).Produciuse tamén un crecemento do sector servizos cuxo aumento está ligado ó despegue do sector do turismo que a súa vez repercutiu tamén na construción.O despegue do sector secundario e terciario vai provocar o trasvase de poboación do campo cara as cidades, así por exemplo, Barcelona e Madrid recibiron máis de 650.000 inmigrantes durante a década dos sesenta. Isto provocará o descenso da man de obra no campo e a subida do prezo da man de obra agrícola que levará ós propietarios á mecanización das tarefas.Deste xeito a agricultura iniciará un proceso de modernización que demandará do sector industrial bens de equipo e lle subministrará man de obra.O crecemento económico, cualificado como “o milagre español”, refléctese nos indicadores económicos: medrou o PIB, o PNB e a renda per cápita. Porén o desenvolvemento económico interno non foi capaz de absorbe-la man de obra excedente, polo que se produciu un forte incremento da emigración, tanto interior, cara as zonas industrializadas, como exterior, cara ós países europeos. Ademais o crecemento económico non estivo exento de escándalos, como o caso Matesa, e problemas como a repercusión medioambiental da industrialización e do turismo (contaminación, urbanismo salvaxe na costa, especulación do chan, chabolismo, construción de mala calidade). A partir de 1973 prodúcese a agonía do réxime tanto a nivel económico como político xa que aumentou a oposición.Finalmente, o 20 de novembro de 1975 Franco morre e España inicia un proceso de transición á democracia.