1.2As virtudes éticas O ser humano é un todo organicamente estruturado. En especial a parte apetitiva do home está naturalmente subordinada á parte pensante ou razón. Se o home funciona ben como un todo, os seus desexos serán controlados e dirixidos polo seu pensamento. Se funciona mal, os seus desexos descontrolaranse e escaparán á dirección da razón. A virtude ou areté moral consiste no control da parte volitiva do home pola súa parte pensante. Cando se dá tal control de foma habitual dáse a virtude moral pois, segundo afirma Aristóteles, a virtude ou areté moral consiste no hábito de decidir ben e conforme a regra, entendendo por tal o apuntar ao termo medio óptimo entre dous extremos. O termo medio o é entre dous extremos, un por defecto e outro por exceso, que constitúen outros tantos vicios. Non se trata, sen embargo, dunha media aritmética entre dúas cantidades, que sería unha regra precisa. En ética non hai regras precisas, senón que moito depende de cada un e das súas circunstancias. Non se trata de buscar un medio obxectivo, senón o medio que convén a cada un. Aristóteles di que nestes temas hai que adquirir experiencia da vida e deixarse guiar polo consello e o exemplo dalgún home racional, prudente e experimentado. Con isto chega Aristóteles a súa famosa definición: “a virtude é unha disposición a decidir o termo medio axeitado para nós, conforme ao criterio que seguiría o home prudente”. En definitiva, Aristóteles non nos ofrece ningún criterio ou regra abstracta de acción, senón que nos remite ao criterio dalgún home prudente, cheo de intelixencia e experiencia da vida, que coñezamos.
As virtudes dianoéticas Na alma humana hai unha parte apetitiva ou volitiva -o ethos ou carácter- e outra parte pensante ou cognitiva -a dianoia ou razón- . As virtudes éticas ou morais, as virtudes do ethos, son hábitos de decidir o mellor -o termo medio óptimo- conforme a regra en cada caso, segundo temos dito. Pero o coñecemento do mellor e alleo ao ethos e procede da dianoia, da razón. A nosa razón, a súa vez, funciona correctamente, executa ben a súa función, cando posúe a areté do pensamento, que a súa vez pode artellarse nunha serie de virtudes
dianoéticas ou saberes.Dentro da dianoia ou parte pensante da alma distingue Aristóteles tres tipos de funcións: as funcións contemplativas ou científicas, as funcións prácticas e as funcións produtivas. As funcións contemplativas consisten na contemplación do que de necesario, universal e inmutable hai na realidade. Tanto as funcións prácticas como as produtivas refírense ao que na realidade hai de variable, e consisten na determinación dos medios óptimos para a obtención dun fin, fin que no primeiro caso é intrínseco á acción e no segundo extrínseco, un artefacto. A estes tres tipos de funcións da dianoia corresponden tres tipos de saberes ou virtudes dianoéticas: as contemplativas, as prácticas e as produtivas. Dende o punto de vista ético, as virtudes dianoéticas máis importantes son as prácticas. Á virtude ou areté práctica por excelencia a chama Aristóteles prudencia ou racionalidade. A prudencia ou racionalidade práctica é a encargada de establecer a adecuación das regras, de determinar que é o que hai que facer, cales son os medios adecuados para obter o noso fin,



cal é o termo medio óptimo, que non peque por exceso nin por defecto. Esto pode facerse ben ou mal.

O hábito de facelo ben, de encontrar o termo medio óptimo en cada caso, é a prudencia. A razón práctica ten que indicar ao ethos o que facer, a razón práctica é normativa. E o noso carácter, o noso ethos, os nosos desexos, teñen que deixarse controlar e dirixir pola razón práctica. A prudencia ou razón práctica non é unha ciencia. A ciencia trata do universal, mentres que a prudencia sempre o é do particular. A prudencia non é resultado de abstraccións científicas,senón o resultado dunha larga experiencia do particular. Por iso os xoves non teñen experiencia e precisan seguir os consellos dalgún home prudente e experimentado. E por iso
os xoves non serven para a política, que é unha variedade da prudencia.
A vida contemplativa As virtudes dianoéticas produtivas ou técnicas serven para a produción de artefactos. As virtudes dianoéticas prácticas -prudencia, política- serven para encamiñar a nosa acción dun modo óptimo. Para que serven as virtudes dianoéticas teoréticas ou contemplativas? Para que serve a ciencia teórica? Para nada -resposta Aristóteles-. No século XXI pensamos que a ciencia teórica é a base da tecnoloxía. Nada máis lonxe da mentalidade grega. A ciencia teórica non serve para nada, é un puro luxo, o luxo por excelencia do home na súa plenitude. A ciencia teórica non é un medio para nada, é un fin en si mesma, é o fin último do ser humano, pois nela consiste a máxima felicidade que pode alcanzar. O que nos leva ao tema da felicidade, tema co que se inicia e no que culmina á ética aristotélica. A felicidade do home consiste na vida contemplativa. Por iso, os animais e os nenos, que son incapaces dela, non poden ser felices. “Ata onde se estende a contemplación esténdese tamén a felicidade, e os que teñen a facultade de contemplar máis son tamén os máis felices ... A felicidade consiste na contemplación. Sen embargo, o contemplativo, por ser un home, ten necesidade de benestar externo, xa que a nosa natureza non se basea a si mesma para a contemplación, senón que necesita da saúde do corpo, do alimento e dos demais coidados” . O ideal da vida feliz consiste, pois, en ter solucionados os problemas materiais inmediatos e dedicar o ocio dispoñible á ciencia teórica, á contemplación do universal e necesario que hai na realidade. De tódolos xeitos, para Aristóteles non todos os homes poden acceder ao sublime ideal da vida contemplativa. Nin as pasivas mulleres, nin os torpes escravos, nin os artesáns e campesiños, embrutecidos polo traballo manual, poden aspirar á felicidade humana na súa máxima expresión. De feito nas confusas etnias e os despóticos reinos dos bárbaros ninguén realiza a vida contemplativa. Todos son como escravos, incluso o mesmo déspota, escravo dos seus mediocres praceres sensuais e das súa ambición, incapaz de apreciar a vida científica, que nunca probou. Pero, na polis grega, comunidade autónoma de homes libres, é posible que nalgúns cidadáns (os mellores) se desenvolva e floreza a vida contemplativa, a ciencia teórica, alcanzando así a natureza humana a súa plenitude. Proporcionar esa plenitude, proporcionar unha cantidade suficiente de homes libres, as condicións de ocio, tranquilidade e recursos que fagan posible o florecemento da vida intelectual: esa é a máis alta misión da polis e a raíz do interese aristotélico polo seu estudo.