O TEATRO DE FINS DO XX E COMEZOS DO XXI. Nestes anos prodúcese unha recuperación das actividades teatrais e a eclosión de compañías independentes, de vocación experimental. Nacen importantes formacións como o grupo teatral O Facho, o Teatro Circo, os grupos Antroido e Artello (representou Celtas sen filtro, de Ferrín ). Prolóngase ata os 80 a actividade da Mostra de Teatro de Ribadavia organizada pola Asociación Cultural Abrente e comezan a xurdir mostras e xornadas de teatro noutros lugares. Na Coruña fundouse a principios dos 80 a Escola Dramática Galega por iniciativa de Manuel Lourenzo e Xesús Pillado Mayor. Ocupouse tanto da representación de textos como da formación de actores e creou unha plataforma para a publicación: Cadernos da Escola Dramática Galega. O teatro independente comeza unha transformación cara á profesionalización e xorden os primeiros locais estables de representacións teatrais, como a Sala Luís Seoane, da Coruña. En 1984 créase o Centro Dramático Galego ( CDG ) para favorecer e normalizar o teatro profesional. Desde os seus comezos levou a cabo representacións de autores teatrais galegos e estranxeiros de todas as épocas e tamén promoveu a publicación de textos. Posúe unha sala propia en Santiago (Salon Teatro) na que se celebran funcións regulares máis tamén sesións para escolares. No desenvolvemento do noso teatro nesta época tiveron grande papel os premios como o Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega, o Arlequín, o Álvaro Cunqueiro ou o Rafael Dieste. En canto aos autores máis representativos desta época, saliéntase a figura polifacética de Manuel Lourenzo dentro do mundo do teatro. É actor, autor, director, estudoso e ensaísta, profesor e dinamizador. Foi o artífice de Teatro Circo e da Escola Dramática Galega. Polo seu lado, Euloxio R. Ruibal dedicouse desde ben novo ao teatro e con Zardigot levou o premio Abrente. O seu teatro é vangardista e experimentador coa tradición galega. Roberto Vidal Bolaño foi actor e, se cadra, o máis importante dramaturgo do teatro galego. Gañador de premios e recoñecementos a nivel nacional, o seu teatro tiña pegadas valle-inclanescas e caractarizábase pola actitude crítica. A crítica fala de promoción dos 80, da que formarían parte ademais outros autores como Fernán Vello, Luísa Villalta, Antón Reixa ou Roberto Salgueiro ( responsable da Aula de teatro da Universidade de Santiago e varias veces gañador do premio Álvaro Cunqueiro . Aparecen novas compañías neste período como Sarabela Teatro,Teatro do Morcego, Teatro do Atlántico, Chévere. Nesta época comeza a súa actividade Quico Cadaval, actor, autor, director e constante renovador do xénero na actualidade, creador de personaxes xa míticos no noso teatro como Mofa e Befa. Nos inicios foi integrante da compañía “O Moucho Clerc” para logo consagrarse como un brillante director teatral e autor de obras como O códice clandestino, onde cuestiona sarcasticamente a orde mundial capitalista. Tamén fixo adaptacións como a de Noite de Reis, de Shakespeare. Outro nome que merece ser destacado é o de Cándido Pazó, actor de diversas compañías, guionista, director de escena e contacontos, e que resulta un dos dramaturgos máis orixinais, prolíficos e premiados do teatro actual. Entre os seus títulos cabe destacar o monólogo irónico O bululú do linier ou Nano, adaptación para o teatro da obra Tic-tac, de Suso de Toro. A promoción dos 90 chega ata os nosos días e nace a partir dunha serie de acontecementos e dinámicas no sistema teatral galego que podemos resumir así: – O nacemento de numerosas compañías novas como Factoría Teatro, Ollomoltranvía, Mofa e Befa, Talía Teatro... que comparten espazo con compañías de teatro experimental como D2 e se asocian na Federación Galega de teatro afeccionado. – A posta en funcionamento da Escola Superior de Arte Dramática en Vigo, que é o primeiro centro oficial para o ensino e aprendizaxe teatrais en Galicia. – A celebración en distintas localidades de Festivais e Mostras de Teatro – A apertura de salas privadas estables como a Sala NASA do grupo Chévere ou a Sala Galán, de Matarile. – As edicións de textos de todo tipo relacionados co teatro galego e a aparición de revistas. Principais tendencias do teatro galego actual: Fálase de 4 liñas que se entrecruzan: a crítica, a irónica, a lúdica e a culta. O teatro comprometido bota man do humor e da sátira para retratar a realidade ( obra de Salgueiro ou Pazó ), pero tamén nos dramas vemos a visión crítica ( obra de Pernas ou Ruibal) centrados no conflito de parella ou a marxinalidade social. A tendencia culturalista céntrase no xogo do “ teatro dentro do teatro” ( obra de Fernán Vello ) aínda que tamén destaca o neorruralismo e a intertextualidade ( recreación de grandes textos da dramaturxia universal ). O xénero favorito nesta época vén sendo a comedia, aínda que tamén se traballo o teatro histórico e experimentalista, cunha clara tendencia á renovación escénica. Nesta liña atópase Comedia bífida de Núñez Singala que trata desde o humor o conflito social da lingua galega.