A análise formal dunha obra arquitectónica debe contemplar os seguintes aspectos:
1. Materiais. Pode ser pedra, madeira, ladrillo, adobe (barro secado ao sol)…
2. Función. O edificio pode ter unha función civil, relixiosa, funeraria, militar, conmemorativa…
3. Elementos sustentantes. Son os que soportan o edificio, e poden ser:
a) Soporte continuo. O aparello ou disposición dos ladrillos ou pedras de cantería nun muro pode ser regular (fiadas coas mesmas dimensións) ou irregular (pedras de diferente tamaño colocadas sen orde predeterminada).
b) Soporte non continuo. Columna, pilastra, estribo ou contraforte (macizo pegado a un muro ao que reforza).
4. Elementos sustentados. Os que se dispoñen encima dos sustentantes poden ser:
a) Cuberta. A exterior pode ser alintelada (plana) ou a doble vertente (triangular). A interior pode ser alintelada, plana ou abovedada (bóveda de canón, de aresta, de cruzaría…).
b) Arco. Pode ser: apuntado, de medio punnto, de ferradura, lobulado, etc.).
5. Elementos decorativos. Poden ser moi variados: Dende pinturas murais, relevos, mosaicos, vidreiras, frontóns, medallóns, cartelas, fornelas con ou sen estatuas… Esto dependerá moito do estilo ao que pertenza a obra.
6. Planta. É o plano sobre o que se levanta o edificio. Pode ser: basilical (planta lonxitudinal de tres ou cinco naves, a central máis ancha e alta), de cruz latina, de cruz grega (de brazos iguais), circular (planta central), etc.
Unha vez que describimos os elementos formais, indicamos o estilo ao que pertence a obra, sinalamos os seus trazos xerais e situámola temporalmente (século) e espacialmente (país). Se coñecemos a obra en cuestión, engadimos o nome e o do seu autor, se tamén o coñecemos.
Para comentar unha pintura debemos en primeiro lugar identificar a técnica e o tipo de soporte no que
está feita a obra. Consideramos, de momento, estes dous tipos:
- Pintura ao fresco, se está pintada nunha parede ou nun teito.
- Pintura ao óleo, se está pintada nunha tela (lenzo) ou sobre madeira (táboa).
A continuación analizamos unha serie de aspectos segundo a seguinte orde:
1.- A composición. É a disposición das figuras dentro do cadro. Os pintores, normalmente, organizan os distintos elementos que o compoñen seguindo un esquema, que pode ser: con eixes verticais, horizontais, diagonais, piramidais, circulares… Segundo os eixes que predominen, a composición será vertical, horizontal, diagonal, etc.
2.- Predominio do debuxo ou da cor:
- Predominio do debuxo. As figuras ou os obxectos están perfectamente delimitados cun trazo fino ou groso que separa as cores.
- Predominio da cor. Os límites das figuras ou os obxectos non son tan nítidos e a separación das cores non se realiza cunha liña. As cores frías (azul, verde, violeta, gris) fan que os obxectos semellen afastarse, e as cálidas (vermella, amarela) que semellen aproximarse.
3.- Como se representa o espazo? Consideramos tres posibilidades:
• Perspectiva xeométrica. Consiste en liñas que converxen nun punto.
• Perspectiva aérea. Represéntase a densidade do aire, de xeito que os obxectos afastados son
• máis borrosos.
• Xogo de luces e sombras. Créanse varios focos de luz e sombra que guían a ollada do espectador.
4.- A profundidade. Consíguese de dúas maneiras:
• Mediante o escorzo. Créase a ilusión dun espazo real colocando unha figura perpendicular ao plano de composición xeral, ou facendo que se retorza e se mova.
• Mediante o solapamento. As figuras ou obxectos dispóñense unha detrás das outras, e as que están máis lonxe son de menor tamaño.
5.- O volume. Represéntase por medio dos xogos de luces e sombras ou empregando varios tons dunha mesma cor.
6.- O tema. Pode ser mitolóxico, relixioso, retrato (individual ou colectivo), histórico, literario, paisaxe, bodegón ou natureza morta, etc.
Unha vez analizados estes elementos formais, indícase o estilo ao que pertence a obra e sitúase no tempo (século) e no espazo (país). Se se coñece, tamén se engade o título e o nome do autor.
A análise formal dunha obra escultórica debe ter en conta os seguintes aspectos:
1. Tipo de obra. Pode ser de dous tipos:
a) Relevo. Diferenciando alto relevo, baixo relevo e relevo inciso.
b) Escultura exenta ou de vulto redondo. Cando a figura aparece completa é una estatua, se representa solo tórax e cabeza, busto. A escultura pode ser individual ou formar un grupo de varias figuras.
2. Material e técnica. Pode ser: pedra, como mármore ou rocha calcárea (esculpido); metal, como bronce ou ferro (baleirado, forxado…); barro (modelado), etc.
3. Actitude e xesto. Actitude: orante, sedente (sentada), xacente (tumbada), de pé…Xesto: sereno, dramático, hierático…
4. Composición. Nos grupos exentos e nos retablos a composición pode ser triangular, circular…
5. Tema. Mitolóxico, relixioso, bélico, retrato…
6. Movemento. A escultura pode ser estática (non expresa movemento) ou dinámica (expresa movemento).
7. Destino e función. Destino: político, relixioso, conmemorativo, ornamental… Función: decorativa ou práctica (cando ten unha utilidade concreta).
Identificación e clasificación. Unha vez descritos os elementos formais, identifícase a obra cun estilo artístico concreto, sinálanse os trazos xerais e sitúase temporal (século) e espacialmente (país).
Se a obra en cuestión se coñece, débese engadir o seu título e o nome do autor.