Landa = É unha formación vexetal cerrada a todos os niveis, a miúdo espiñenta e pobre en especies. É característica da rexión euro-siberiana e supón unha degradación do bosque mixto atlántico. Preséntase a xeito de matogueira, onde predominan o toxo, o breixo, a xesta... podendo acadar máis de tres metros de altura. Estes espazos arbustivos son etapas pouco evolucionadas do ecosistema, provocadas pola acción do home a través das súas prácticas gandeiras. Nestas zonas de solos pobres as árbores foron cortadas, ou queimadas e a súa rexeneración foi case nula por mor do pastoreo, cando non polo uso regular de queimas.
Maquis = É unha asociación vexetal complexa, establecida en solos silíceos, como resultado, en xeral, da de-gradación de bosques de caxigos e aciñeiras, onde a vexetación se estratifica en tres niveis: un nivel superior formado por especies arbóreas, outro intermedio formado por arbustos e un nivel inferior ou de base, formado por vexetación herbácea. Esta estratificación optimiza o equilibrio natural, permite un maior grao de aproveitamento da luz incidente en cada un dos tres niveis e favorece un hábitat capaz de soportar as secas.
Vexetación Climax = Por vexetación clímax, enténdese aquela vexetación que se estableceu de seu nun determinado sitio, acorde a unhas determinadas condicións climáticas, edafolóxicas e bióticas durante un longo período de tempo. Tendo presente que a medida que nos afastamos do ecuador, van ter unha equivalencia latitudinal, que se pode ver alterada por mor de condicións dependentes da localización xeográfica, da altitude, microclimas... Estes ecosistemas débense preservar, xa que son moito máis resilentes a perturbacións de carácter antrópico, e mesmo a cambios climáticos, que os “mal denominados” ecosistemas de plantacións artificiais.
Laurisiva = É un bosque denso, de tipo subtropical, composto por máis de 20 especies diferentes, ricas en plantas endémicas, e onde sobresaen os loureiros, viñátigos e tilos. Debido ao seu illamento e características climáticas, este tipo de bosque preservouse nas illas Canarias, ocupando a zona orográfica que está baixo os efectos do denominado “mar de nubes” (entre os 400 e os 1000 m. de altitude), nas áreas expostas aos ventos alisios.
Vexetación Antrópica = Por vexetación antrópica, enténdese aquela vexetación que se estableceu pola acción dos humanos, ou na cal estes xogaron un papel importante. Modifícanse e créanse paisaxes, introducindo novas especies vexetais e provo-cando -as máis das veces- a extinción de boa parte das autóctonas. En Galicia o caso máis grave, é o Eucalipto, e a destrución sistemática da maioría da vexetación “clímax”, levando case a desaparición das carballeiras e soutos.
Humus = O Humus, é a substancia composta por certos produtos orgánicos de natureza coloidal, que proveñen da descomposición dos restos orgánicos, por organismos e microorganismos benéficos. Caracterízase pola súa cor escura debido á gran cantidade de carbono que contén. Atópase principalmente nas partes altas dos solos con actividade orgánica. Existen dúas clases de humus, o humus vello ou antigo, e o humus xoven, segundo o tempo transcorrido desde que comezaran a súa formación; e mentres o máis vello posúe unha cor pardo-morada, o novo semella unha cor máis escura, tirando a negra.
Cunca Fluvial = Área delimitada por tódalas divisorias de augas dos ríos que forman un sistema fluvial. Polo tanto, unha conca fluvial vén sendo o territorio cuxas augas verten a un río principal e a os seus afluentes. Na conca os ríos circulan por unha canle ou leito e forman unha rede organizada xerarquicamente desde os sub-afluentes e afluentes, ata chegar ao río principal. A causa principal é a inclinación da meseta cara o oeste a partir do sistema Ibérico, desde a era terciaria.
Estiaxe = Por estiaxe enténdese o nivel de caudal mínimo que alcanza un río ou lagoa nalgunhas épocas do ano, debido principalmente á seca. O termo se deriva de estío ou verán, debido a que nalgunha rexión do Mediterráneo, o estío é a época de menor caudal dos ríos debido á relativa escaseza de precipitacións nesta estación. Cando nos referimos ao réxime dun río, a estiaxe é o período de augas baixas. A estiaxe dun río non depende soamente da escaseza de precipitacións, senón que tamén se debe a maior insolación e, por ende, ao maior potencial de evapotranspiración e da evaporación máis intensa dos cursos de auga, causado principalmente polas secas, quentamento global ou falta de choivas.
Marisma = É un ecosistema húmido con plantas herbáceas que medran na auga. A auga dunha marisma pode ser só mariña, aínda que normalmente é unha mestura de auga mariña e doce, que se denomina salobre. As marismas soen estar asociadas a estuarios, que posúen un fondo principal plano e impermeable, sendo os terreos dos arredores, bastante areosos. As marismas son moi importantes para a vida salvaxe sendo un dos hábitats preferidos para criar unha gran variedade de vida; desde diminutas algas planctónicas, ata unha abundante cantidade de flora e fauna, fundamentalmente aves.
Esteiro = Extensión mariña próxima á desembocadura dun río, na que as interaccións de mar e río son notables; as de aquel mediante o mecanismo das mareas, as deste polo importante aporte de auga doce. Tamén é un fenómeno xeo-morfolóxico oposto aos deltas, atopándonos con un ou co outro en función dun maior ou menor contraste entre mareas, segundo o mar ou o océano de que se trate. En Galicia son habituais as condicións que se precisan para a súa formación, polo que son tamén numerosos os exemplos de esteiros, como moi ben reflicte a toponimia das nosas costas.
Delta = É unha formación aluvial na desembocadura dun río que se orixina cando a deposición da súa carga supera a taxa de evacuación. A deposición vén determinada, ademais de pola perda de velocidade da corrente ao ser frea-da polo mar, tamén por mor de que as partículas finas de arxila coagulan e sedimentan no fondo do leito ao se mesturar coa auga salgada. A superficie do delta está percorrida por canles diverxentes da corrente fluvial denominadas difluentes. Segundo a forma do seu perímetro, podemos distinguir varios tipos de deltas: Delta en Cúspide, Delta Arqueado, Delta Dixitado, Delta Lobulado, Delta Lacustre.
Efecto Invernadoiro = Denomínase efecto inverna-doiro á acción do CO2 (Dióxido de Carbono) e outros gases da atmosfera, que impiden a saída de parte da radiación do Sol reflectida pola Terra en forma de calor provocando un aumento da temperatura media da Terra, creando un “estado” na parte inferior da atmosfera, similar ao que acontece no interior dun invernadoiro. Ademais do Dióxido de Carbono, contribúen ao efecto invernadoiro, outros gases tales como: CH4 (Metano), N2O (Óxidos Nitrosos) e Clorofluorocarburos.
Paisaxe = Porción do territorio que presenta características morfolóxicas e funcionais similares, como consecuencia da acción e interacción de factores naturais e humanos. Corresponde á superficie do espazo xeográfico cuberto pola mirada humana a escalas intermedias, aínda que tamén se manexa nas clasificacións das súas modalidades a escala mundial. A paisaxe converteuse nun instrumento básico na ordenación do territorio, de aí a importancia da representación cartográfica das modalidades existentes no territorio obxecto de actuación.