Tema 5: Conquista e colonización de América: Leis de Indias e revolución dos prezos. .As viaxes de Cristóbal Colón en procura dun roteiro para alcanzar as Indias foi o inicio da aventura colonial. A ruta portuguesa pola costa africana atlántica, levou aos Reis Católicos a prestar atención aos plans de Cristóbal Colón de atopar un roteiro con Oriente polo oeste, en procura de ouro e especias. O contrato entre Colón e os reis para a organización da viaxe, as Capitulacións de Santa Fe, reflicten o interese económico que tiña a iniciativa. As tres naves coas que contou Colón alcanzaron terra o 12 de outubro de 1492. O desacordo entre Colón e os Reis Católicos polos privilexios que lle concedían, ademáis da escaseza de ouro, xeraron duros enfrontamentos. Colón foi destituído, sen ser o vicerrei que lle prometeran.
A conquista continental desenvolveuse en dúas grandes etapas: A primeira etapa foi capitaneada por Hernán Cortés. A súa expedición, penetrou polo territorio mexicano desde Veracruz. Cortés tras diversos pactos con outras tribo enfrontadas ao emperador azteca Moctezuma, ocupou o Imperio azteca en 1520. A segunda gran expedición foi dirixida por Francisco Pizarro que partindo de Panamá conquistou o Imperio Inca en 1532, que abarcaba o actual Perú, Ecuador e Bolivia.
Para o control destes enormes territorios era imprescindible unha eficiente organización. As Indias copiaron a súa organización institucional de Castela con: Municipios, Cabildos, Audiencias, Gobernacións e os Virreinatos: Nova España ao norte, e o do Perú, en América do Sur. Foi desenvolvéndose unha lexislación específica coñecida como Leis de Indias e creouse o Consello de Indias. A explotación dos recursos supuxeron unha importante fonte de ingresos para a Coroa que reservaba a quinta parte de todos os produtos importados: O quinto real. O ouro e a prata foron as maiores riquezas que trouxeron de América. As minas máis importantes situábanse en Perú, Potosí, e en México, Zacatecas. A poboación local foi obrigada a un servizo temporal de traballo forzado nas minas, a Mita. As terras foron repartidas en Encomendas: aos colonizadores entregábaselles un terreo xunto a un grupo de indios que tiñan que traballala obrigatoriamente. A escravitude estaba prohibida polas Leis de Indias, pero o descenso da poboación indíxena obrigou a comprar escravos africanos, para as novas plantacións.
Os intercambios comerciais intensificáronse ao longo dos séculos. Castela fornecía trigo, vide e aceite, gando, armas etc., e de América chegaban produtos agrarios coma tabaco, cacao, patacas, millo... e fundamentalmente ouro e prata. O monopolio do comercio americano outorgouse ao porto de Sevilla, desde o que partían ou chegaban todos os barcos. En 1503 creouse a Casa de Contratación de Sevilla para controlar todo o tráfico de homes e mercadorías. Para combater a piratería, a Coroa utilizou o Sistema de Frotas, os barcos saían e volvían xuntos protexidos por navíos de guerra dúas veces ao ano.
A colonización de Novo Mundo tivo consecuencias demográficas desastrosas para a poboación indíxena. As causas deste desastre foi polo contaxio de enfermidades que portaban os europeos, as duras condicións de traballo impostas polos conquistadores ou a violencia das guerras de conquista.
A sociedade cambiou durante os séculos, pero sempre dominada polos colonizadores. Configurouse un mundo multirracial formado por criollos ou crioulos (descendentes de españois), mestizos (descendentes de europeos e nativos) e mulatos (descendentes de europeos e africanos). A pesar desta integración racial, foise consolidando unha sociedade profundamente desigual.
A conquista americana permitiu un intercambio comercial descoñecidos ata entón. Pero, sen ningunha dúbida, foi a chegada dunha inxente cantidade de ouro e prata a Europa a que tivo uns efectos máis importantes na economía europea aínda que tivese escasos efectos sobre a española. O tesouro americano permitiu que as existencias destes metais preciosos en Europa triplicárase. O rápido aumento da cantidade de metal en circulación, tanto en España como en Europa, ante unha oferta de produtos que crecía máis lentamente, fomentou a alza sostida dos prezos dando lugar a un fenómeno coñecido como a Revolución dos Prezos.