Tema 2.- Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.
Ao longo da historia moitas linguas desenvolven a creación dunha variedade estándar, lingua padrón ou común, que ten como finalidade permitir a comunicación entre os falantes dunha comunidade, ao poñer en práctica unha normativa. Esta é o resultado da fixación dun código da lingua nos seus niveis ortográficos, gramaticais e léxicos.No proceso de estandarización e normativización do galego distínguense varias etapas:
a) Galego popular (1810-1880). A lingua recupera o ámbito escrito, presenta unha influencia forte do castelán e unha grande variabilidade ortográfica, morfolóxica e léxica.
b) Galego enxebrista (1880-1936). Comeza a crearse unha intención estandarizadora, sobre todo a partir da fundación das Irmandades da Fala.
c) Galego protoestándar (1936-1980). Búscase unha maior simplicidade ortográfica e gramatical e a adopción de solucións supradialectais.
d) Galego estándar (Desde 1980 á actualidade). O idioma incorpórase a ámbitos dos que estivera apartado historicamente, aumentan os usos formais e elabórase unha normativa ortográfica, morfolóxica e léxica que se oficializa en 1983.
Entre as desviacións da norma culta destacan:
1) Vulgarismos. Son deformacións fonéticas de palabras no rexistro coloquial e informal da lingua e afectan ás vogais (adición, supresión, alteracións no timbre); e ás consoantes (vocalización de grupos cultos).
2) Arcaísmos. Aparecen como consecuencia da difusión dos textos do galego-portugués medieval.
3) Hiperenxebrismos. Son formas creadas artificialmente ao modificar palabras coincidentes en galego e castelán.
As interferencias léxicas están constituídas polos préstamos innecesarios. Débense á presión dunha lingua dominante que, no caso do galego, é principalmente o castelán. Eses castelanismos poden ser: ortográficos (cambios b/v, h); morfosintácticos (xénero das palabras, colocación do pronome átono, conxugación verbal); fónicos (a non distinción das vogais de grao medio) e léxicos