ÁBSIDA: espazo abovedado, semicircular ou poligonal, no final da nave central dunha basílica ou dunha igrexa, situado polo xeral no testeiro ou extremo oriental do edificio, contribuíndo ao desenvolvemento da cabeceira do mesmo. Adoita estar cuberta con bóveda de forno ou de cuarto de esfera.

BÓVEDA DE ARESTA: bóveda xerada a partir do cruzamento de dúas bóvedas de canón.

BÓVEDA DE CANÓN: bóveda orixinada polo desprazamento dun arco de medio punto ao longo dun eixe lonxitudinal. 

CLAVE (DUN ARCO): doela central en forma de cuña, que serve para pechar un arco. 

CONTRAFORTE: elemento arquitectónico vertical unido ao muro para  reforzalo ou contrarrestar os empuxes dunha bóveda ou arco.

DOELA: cada unha das pezas que se dispoñen radialmente para formar a volta dun arco.

ICONOGRAFÍA: disciplina que estuda e documenta as características das imaxes e figuras utilizadas, ou o tema dunha pintura, estatua, monumento, etc., e dos atributos que a acompañan e identifican./ Termo para designar a presenza recorrente dun tema, cun certo número de elementos e imaxes constantes.

IMPOSTA: moldura de separación entre un arco e a parte recta dun van. /Elemento moldurado desde o que arrinca un arco ou unha bóveda e sobre a cal apoia a doela chamada saimel.

MÉNSULA: elemento arquitectónico que sobresae dunha parede e serve para soster saíntes como arcos, nervos dunha bóveda, cornixas, balcóns, etc.

NÁRTICE ou NÁRTEX: nas basílicas paleocristiás e bizantinas, sala que precede ás naves ou que se atopa despois do atrio. Destinábase aos catecúmenos ou non bautizados, para permitirlles asistir á misa e á recepción dos cadáveres antes de seren bendicidos e levados para o interior da igrexa. 

PLAN CENTRAL: planta simetricamente organizada con referencia a un punto central. Pode ter forma poligonal, circular ou de cruz grega. 



PLANTA BASILICAL: planta de estrutura lonxitudinal, que consta de tres ou cinco naves.

PLANTA DE CRUZ GREGA: planta en forma de cruz na que os catro brazos que a configuran teñen a mesma medida.

PLANTA DE CRUZ LATINA: planta en forma de cruz, normalmente dunha igrexa, cos brazos desiguais como a cruz de Cristo.

PRESBITERIO: parte dunha igrexa que comprende a área do altar maior ata as gradas por onde se sube a el. Soe situarse na ábsida central, e está reservado ao clero.